CAMPAÑA DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
» Carreira optimista
Proposta de carácter lúdico, educativo, e reivindicativo que pretende convidar á mocidade e centros de ensino a participar en carreiras por toda a cidade levando como lema o uso do galego.
A campaña poría en marcha diversas modalidades de carreira - obstáculos, relevos ou parella – apadrinadas por xogadores do Club da cidade e deportistas da máis diversa índole- desenvolvidas en puntos neurálxicos de Pontevedra para o uso de todos.
Diríxese a tódolos alumnos e alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria e Post obrigatoria menores de 25 anos, de calquera centro ou municipio galego, defensores do uso da lingua ou interesados na participación neste tipo de actividades reivindicativas.
» Xoga en Galego
Campaña para promover o uso do galego e o coñecemento da cultura de Galicia a través de actividades dirixidas a dous segmentos de público: os cativos e os mozos e mozas da cidade.
Para os primeiros organízanse talleres os sábados pola mañá onde nenos e nenas poidan realizar traballos manuais, actividades deportivas, musicais, lecturas ou postas en escena relacionadas co idioma. Para os mozos e mozas destínanse outro tipo de actividades como “ginkanas” pola zona vella ou a celebración de competicións inter colexios nun trivial humano, con preguntas e temáticas similares ó popular xogo de mesa relacionadas coa comunidade galega.
“Xoga en Galego” permite achegarse a un público obxectivo amplo, que vai dos 5 ós 16 anos de idade, un segmento escolarizado receptivo á mensaxe de normalización lingüística do idioma.
» Ponte co deporte
Campaña de sensibilización no uso do idioma por parte dos medios de comunicación sociais a través da posta en marcha dun xornal quincenal de información deportiva que conte as novas sobre partidos, xogadores, proxectos deportivos, actos e resultados deportivos escrito completamente en galego. O xornal repartirase nas inmediacións do Estadio de Pasarón ou outras áreas de interese deportivo e fluxo continuo de público.
Esta campaña conta coa colaboración do Diario de Pontevedra, principal xornal por difusión e número de lectores na cidade do Lérez, encargado da produción e distribución do mesmo.
Diríxese ós afeccionados do deporte, ós lectores habituais de xornais enmarcados nesta temática e á captación de potenciais lectores galego- falantes.